Thursday 02 de May de 2024

A Xunta entrega desfibriladores aos equipos de Protección Civil dos concellos de Santa Comba, Negreira, Pobra do Caramiñal e Muros


― O delegado da Xunta participou no acto de entrega das dotacións

― Complétanse así os equipamentos incluídos na convocatoria de 2022 para reforzar os servizos de emerxencias municipais

― Forman parte das axudas dirixidas os concellos de menos de 20.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, participou hoxe na entrega de catro desfibriladores externos semiautomáticos destinados a reforzar o material dos servizos de emerxencias municipais. Con esta cesión complétanse as dotacións solicitadas polos concellos de menos de 20.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). Os catros equipos entregaronse aos concellos de Negreira, Santa Comba, Muros e Pobra do Caramiñal.

O equipamento entregado inclúe un desfibrilador externo cun mínimo de dous xogos de parches de electrodos, un xogo de dúas baterías, cable de conexión a porto USB, kit de reanimación cardio-pulmonar e mochila impermeable.

O DESA é un aparato electrónico portátil sinxelo de manexar que identifica e trata a parada respiratoria. A súa efectividade radica na identificación automática da fibrilación ventricular ou a unha taquicardia ventricular sen pulso restablecendo un ritmo cardíaco efectivo eléctricamente. É moi eficaz para a maior parte dos chamados paros cardíacos, que na súa maior parte son debidos a que o corazón fibrila e o seu ritmo non é o adecuado, estes equipos basicamente devolven o ritmo adecuado ao corazón.
A Xunta dota así ás AVPC dun recurso para actuar dunha maneira coordinada cos profesionais do 061, conseguindo gañar tempo na atención ante unha parada cardíaca, ao intentar que o paciente aguante á chegada dos servizos profesionais.

O delegado da Xunta lembrou que pese a tratarse dunha competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación- a Xunta asume máis da metade do custo anual dos Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES) e dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento.
No que respecta á dotación de material, o investimento do Goberno galego para que os efectivos dos servizos de emerxencias -Protección Civil e GES- conten co equipamento necesario co que poidan realizar as súas intervencións con seguridade e eficacia ascende a máis de 26 M€, dos que 14 M€ corresponden aos recursos cedidos ás AVPC.

Trenor lembrou que este compromiso se mantivo nos orzamentos de 2023, cos que se está adquirindo novo material para cederlles aos concellos con servizos de protección civil. Nesta liña, incidiu na importancia de que os servizos de emerxencia municipais conten co mellor equipamento para realizar as súas intervencións con seguridade e eficacia.